Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Oroso aproba os orzamentos de 2017, que ascenden a 6,15 millóns de euros


Manuel Mirás, que agradeceu o “debate en positivo” dos grupos municipais, salientou das Contas “a súa capacidade inversora e que garanten a autonomía financeira do Concello de Oroso”

O pleno municipal de Oroso aprobou inicialmente o orzamento municipal para 2017, que ascende a 6.154.426,92 euros e contempla máis de 1,76 millóns de euros en investimentos reais. Unhas contas que foron aprobadas polos 8 votos a favor de PSOE e BNG, as 4 abstencións do PP e o voto en contra de Anova.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destacou dos orzamentos para 2017 “a súa capacidade inversora, que representa o 28,66%, e a importante diferenza entre os ingresos e os gastos correntes, que ascende a 514.228 euros, o que garante a autonomía financeira do Concello de Oroso”. Ademais, Mirás Franqueira lamentou “que o Goberno non cambie a lei nos nos permita investir o aforro acadado o ano pasado, que anda cerca dos 600.000 euros. Uns cartos que nos permitirían facer moitas obras que nos demanda a veciñanza”.

O alcalde orosán agradeceu “o debate en positivo” realizado polos grupos municipais e indicou que estudará incorporar as súas propostas para próximos orzamentos. Así, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, agradeceu “que o Concello incluíra nestes orzamentos dúas peticións do noso grupo, como a pasarela do CEIP de Sigüeiro e o peche do polideportivo do CEIP do Camiño Inglés” e aproveitou para solicitar o arranxo da rúa Ulloa.

Pola súa banda, o voceiro do PP, Alexánder Doval, indicou que “non están mal, o importante é que se executen” e limitouse a “criticar algunhas partidas que pensamos que non deberían ser tan cuantiosas”. Así mesmo, agradeceu as actuacións programadas no campo de fútbol do Deixebre e mesmo indicou que “poderiamos votar a favor”, aínda que a posición final foi a da abstención.

Tesourería

Finalmente, o voceiro de Anova, Siverio Mirás, recoñeceu que os orzamentos “non están mal, pero arrastran problemas que non se dan subsanado polo que vou votar en contra”. A pesar de que foi requerido a explicar eses problemas, Siverio Mirás negouse a facelo e limitouse a dicir que “xa as exporei no momento das alegacións”, algo que motivou que o alcalde contestara que “o único que vai conseguir con iso é retrasar a aprobación do orzamento e cobrar vostede un pleno máis, porque non hai irregularidade ningunha”.

Neste sentido, Mirás tirou do Informe de Intervención, que salienta que os orzamentos de 2017 cumpren co principio de equilibrio orzamentario real, co obxectivo de estabilidade orzamentaria e de nivel de débeda. Un informe favorable que contén un reparo: “tendo en conta o exposto respecto á consignación precisa para a creación do posto da Tesourería Municipal”. Neste sentido, o alcalde explicou que “non consignamos esa praza porque dende a Fegamp pactouse co Goberno que non se ía esixir que o Tesoureiro fose un habilitado nacional. Agora ben, entendemos o reparo porque os técnicos teñen que facer o seu traballo porque, a día de hoxe, esa lei non está derogada”.

O voceiro municipal socialista, Antonio Leira, agradeceu “o talante dos grupos. É unha boa vía de entendemento e me gustaría que estes orzamentos foran aprobados por unanimidade”. Unanimidade que finalmente non se produciu debido ao voto en contra de Anova e a abstención do PP.

Cifras principais

Os orzamentos do Concello de Oroso para 2017 ascenden a 6.154.426,92 euros e destinan 1.763.766,32 euros a investimentos reais en 2017, dos que o Concello de Oroso achegará 508.923,63 euros procedentes de fondos propios. Uns investimentos entre os que destacan as achegas destinadas a infraestruturas, deportes e ensino.

Así, o Concello destinará máis de 700.000 euros en melloras nas súas infraestruturas deportivas, das que máis do 50% destinarase a dous dos proxectos máis demandados pola cidadanía: a construción do novo campo de fútbol municipal (470.765 euros) e a ampliación da piscina municipal (99.439 euros). Tamén se contempla unha achega de máis de 46.000 euros para mellorar o alumeado dos campos de fútbol de Sigüeiro e Deixebre, onde tamén se instalará unha rede de rego.

O Concello de Oroso tamén reserva unha importante achega para melloras nos centros educativos do municipio por máis de 110.000 euros. Ao agardado paso cuberto do CEIP de Sigüeiro, unirase este ano o peche da pista polideportiva do novo CEIP do Camiño Inglés como obras máis significativas. A achega máis importante, cuantitativamente falando, destinarase á mellora da rede viaria municipal.

O Concello de Oroso investirá 328.659,25 euros nun proxecto de mellora da rede viaria nos lugares de Piñeiro e a Costa – Zan (Trasmonte), Valverde-Berdomás (Vilarromarís), Piñeirón-Porto Avieira, Piñeirón-A Falmega, Rúa Celso Emilio Ferreiro e A Igrexa-Porto Avieira (A Gándara) e Mixoi-Castiñeiro Redondo (Calvente). Así mesmo, o Concello de Oroso destinará os 164.512,23 euros do Plan Complementario da Deputación á mellora da rede viaria nos lugares de Oroso de Abaixo (A Gándara) e A Igrexa (Deixebre).

A segunda achega máis cuantiosa é a destinada á reurbanización de tres rúas na capital municipal: rúa Tras da Torre (169.481,07 euros), Camiño do Refuxio (125.768,04 euros) e rúa do Barreiro (70.299,63 euros). A estes proxectos hai que sumar a reposición da sinalización horizontal nas principais estradas rurais do municipio, a reparación do chan do salón de plenos do Concello, a ampliación do alumeado público na Estación de Oroso, Alto de Vilanova e Vilalbarro, así como o cambio de pavimento do parque infantil do Carboeiro
Ensino

O pleno tamén aprobou a modificación da RPT do Concello de Oroso, a desafectación dun tramo dun camiño público en Senra e a corrección dun erro nunha resolución da Alcaldía. Na quenda de mocións, o pleno aprobou por unanimidade unha proposta do PSOE para instar á Consellería de Educación a ter en conta as características da poboación en Oroso e a garantir a incorporación dos profesores que sexan necesarios para garantir un ensino de calidade no municipio.

A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, explicou que os dous colexios de Oroso teñen as mesmas peticións de ingresos para o próximo curso pero que “mentres no Camiño Inglés van estar ao 50% da capacidade, no CEIP de Sigüeiro van estar outra vez saturados”, polo que instou á Xunta “a crear o número de liñas que sexan necesarias para garantir unha calidade óptima do ensino”.

Neste sentido, Beatriz Rodeiro lembrou que “cando se creou o novo colexio, no que se investiron máis de 4,8 millóns de euros, se dixo que tiña 3 aulas de infantil e 6 de primaria, ampliables a 6 de infantil e 12 de primaria”. A concelleira de Ensino asegurou que “o único que pedimos é que nos dous colexios existan as liñas que sexan necesarias”, unha petición que compartiron todos os grupos municipais.

Mocións

Os socialistas tamén sacaron adiante, coas 4 abstencións do PP, unha moción para instar á Xunta de Galicia a aplicar criterios obxectivos no reparto das subvencións aos Concellos, tomando como modelo o Plan Único da Deputación da Coruña. Pola súa banda, o PP tamén viu aprobada unha moción, coa abstención do PSOE, na que se insta á Xunta de Galicia, en colaboración coa Fegamp, a promover un pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal nos concellos galegos.

O grupo municipal popular decidiu retirar as outras dúas mocións presentadas despois do seu debate en pleno. Na primeira delas pedían a creación dun censo de persoas maiores que vivan sos e a posta en marcha dun servizo de atención para eles. “Ese servizo xa existe en Oroso e tamén hai tempo que existe un rexistro de persoas maiores que viven soas”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Beatriz Rodeiro.

O voceiro do PP tamén retirou a moción na que pedían que non se cobrara a Plusvalía nos casos nos que non hai incremento do valor patrimonial do terreo e a devolución do cobrado indebidamente”. O alcalde explicou que non podía aceptar a petición do PP xa que “este imposto non é algo que creara o Concello e non nos podemos comprometer a modificar algo que non fixemos porque nos meteríamos nun charco e nós temos que defender o Concello, non tirarnos ao baleiro”.

O voceiro do BNG respaldou a posición do alcalde: “non quero que este Concello sexa pioneiro en meter a pata”, mentres que o de Anova pediu “que se cumpra a sentenza”. Finalmente, Alexander Doval apuntou que “é un tema complexo, polo que imos retirar a nosa moción, ver que se fai e a presentaremos máis adiante”.